top of page

 

Santo Estevo de Cans é unha pequena aldea galega situada a dous quilómetros escasos do municipio de O Porriño, en Pontevedra. Segundo o padrón municipal de 2010, conta cunha poboación duns 458 habitantes. Nunha superficie aproximada de catro quilómetros cadrados ubicada na comarca do Val da Louriña, esta aldea pontevedresa celebra cada mes de maio, dende hai dez anos, o Festival de Cine de Cans, polo que se convirte (segundo membros da Asociación Cultural Arela, os seus organizadores) no epicentro do terremoto cinematográfico mundial por uns días, co permiso,  ou sen el, do seu medio irmán francés, o Festival de Cannes, co que case sempre coincide en datas. De feito, mentres que a cita francesa condensa o máis granado do mundo cinematográfico nunha vila mariñeira da Costa Azul, o agroglamour pontevedrés serve de reclamo a todo aquel que queira pasar un bo rato entre curtametraxes galegas, profesionais do sector e unha grande afluenza de público. As luxosas limusinas francesas transportan ás grandes estrelas mundiais do celuloide no seu camiño para conseguir a Palma de Ouro mentres que en Cans, os chimpíns cargan durante catro días con todo aquel que queira visitar as múltiples actividades que ofrece o Festival, sen esquecer ao Can de Pedra, recompensa que reciben os realizadores gañadores polas súas producións.  

 

Deste xeito, durante os días da mostra, a aldea de Cans convértese nun enorme escenario onde o cine é o principal protagonista. O Torreiro de Cans, xunto á igrexa do lugar, é o principal punto de encontro; pois nel realízanse a meirande parte dos concertos xunto coa entrega de premios. As salas de proxección dos proxectos audiovisuais espárcense por toda a veciñanza. Alpendres, baixos e adegas, propiedade dos paisanos, perden, por uns dias, os seus usos habituais para trocarse en artesanais salas de cine. O baixo do Moncho, a casa de Bugarín, a casa de Carreira, o cuberto de Chelo, a casa do Pato, o cuberto de Antonio, a casa de Mari e o baixo de Alfonso son os encargados de proxectar os traballos relacionados coa ficción e a animación. Mentres que, o "Jalpón" Fri aposta por filmes máis frikis e a Sala Multiusos atende a propostas acompañadas de actuacións musicais levadas a cabo no "Jaliñeiro Unplugged". 

 

Organizado pola Asociación Cultural Arela e baixo o mando do seu director, Alfonso Pato, este certame é, a día de hoxe, unha cita cinematográfica, case ineludible para todos os aficionados ao cine, ao igual que actúa de punto de encontro para os profesionais deste sector, tanto entre eles como co seu público. Ademais, para que o Festival se transforme en algo tanxible, a colaboración dos veciños é fundamental xa que non só deixan as súas casas, alependres e leiras para a celebración, senón que tamén contribúen a crear a verdadeira esencia do certame. 

A saber do Festival de Cans

bottom of page