top of page

Co paso do tempo, o Festival de Cans pasou de ser unha broma entre os veciños da aldea a un proxecto cinematográfico serio que pronto contou co respaldo do audiovisual galego. As reticencias iniciais de veciños e profesionais do sector esvaecéronse rápidamente ao contemplar como Cans se abría paso nas axendas dos principais medios do país. El País, El Mundo, Cadena SER ou, incluso, a BBC fixeron eco deste certame que medraba, cada ano, lento pero seguro. Esta repercusión deu os seus froitos na afluencia de xente, que aumentou exponencialmente dun ano a outro, e no número de convidados famosos, os cales regresaban cada ano á seguinte edición da mostra. Pronto, o alcace do Festival fixo que non só se achegasen a Cans personaxes galegos senón que, tamén, proviñan do resto do Estado: JuanMa Bajo Ulloa, Emma Suárez, Fernando León, Isabel Coixet, o Gran Wyoming, Edu Soto, Coque Malla, ...

En 2013, o Festival de Cans cumpriu dez anos. Para celebrar unha data tan sinalada, acudiron a esta edición vellos coñecidos do certame como JuanMa Bajo Ulloa, Mabel Rivera, "Morris", Manuel Manquiña, Tony Lomba, entre outros. Nesta ocasión non foi por falta de medios senón que a carencia de axudas económicas levou á organización a buscar patrocinadores privados que apoiasen a realización deste proxecto. O Festival premiou ás figuras pioneiras sen as cales esta mostra non podería ter celebrado os dez anos e ser o que hoxe é. Ademais disto, tamén, se estrearon novas seccións como o Can Campus, para dar saída a proxectos audiovisuais das Universidades de Vigo e da Coruña, ou A que andas?, un espazo onde directores poden compartir co seu público os proxectos nos que están a traballar. Este tipo de iniciativas resumen o espírito deste certame: o contacto directo entre creadores e os seus espectadores. 

Historia do Festival de Cans

En maio do ano 2003, a Asociación Cultural Arela de O Porriño e o guionista e veciño de Cans, Alfonso Pato, reúnense para poñer en marcha un concepto novidoso: o agroglamour. Esta idea xurdiu na mente dos veciños de Cans, aldea galega situada a dous quilómetros aproximadamete de O Porriño, pola similitude da pronuncia do nome do lugar co da cidade francesa, onde se celebra cada ano un dos festivais de cine máis importantes do mundo. É por isto polo que as primeiras edicións do Festival de Cans tiveron máis carácter de parodia que de certame cinematográfico. Os medios era limitados, as salas de proxección eran os baixos e casas dos veciños, as pantallas estaban construídas con sabas e a falta de presuposto levou a que esta primeira edición durase unha soa tarde. Entre os invitados de honra que acudiron ese ano, estaban actores da talla de Luís Tosar, que recibiu o primeiro Premio Pedigree que se outorgou por parte do Festival, e o cantautor Javier Krahe, que foi un dos primeiros valentes en percorrer os camiños da aldea a bordo dun chimpín. O tempo acompañou o nacemento desta mostra, o cal coincidía en datas coa boda dos Príncipes de Asturias. Deste xeito, mentres que en Madrid caían chuzos de punta, en Cans facía un sol de carallo. Un dos momentos estelares desta edición foi a actuación de Toñito de Poi no Torreiro de Cans, tendo a consideración de agardar a que o párroco rematase a misa para comezar a actuación.

bottom of page